
| Constituida a Plataforma para a defensa da sanidade pública |
| Miércoles, 30 de Mayo de 2012 12:39 |
|
A nosa desconfianza en que as medidas adoptadas polo Ministerio de Sanidade a través do Real decreto lei 16/2012, publicadas no BOE do 24 de abril, poidan xerar un aforro económico de 7.000 millóns de euros. Pola contra, si podemos afirmar que causan desigualdades entre a poboación e empeoran as condicións laborais de todos os e as profesionais do Sistema Nacional de Saúde. O Sistema Nacional de Saúde é o servizo mellor valorado pola cidadanía, é un dos sectores xeradores de emprego do país, con profesionais de gran calidade e, ademais, ten un dos mellores resultados de saúde entre os países desenvolvidos, a pesar de contar co presuposto máis baixo (menos do 6% do PIB) en comparanza cos outros países da U. E. Malia a iso, e coa xustificación da crise económica e a necesidade de aforro, estanse tomando medidas que afectan a dereitos básicos da cidadanía, como é o dereito á saúde. Un aforro no sector sanitario deste calado pode ter graves consecuencias na calidade asistencial e na atención sanitaria.
Entre estas medidas están as que van aforrar nos recursos humanos do sistema, é dicir, en nós, os e as profesionais. Isto repercutirá directamente nos usuarios do sistema, do que todos somos acredores, e traerá peche de centros, redución de camas, de equipos, quirófanos, tratamentos... Unha das consecuencias inmediatas será o incremento de listas de espera e a sobrecarga asistencial para os profesionais, que terán que redobrar esforzos no seu traballo. As medidas adoptadas polo Goberno van impedir o acceso á tarxeta sanitaria a un gran número de inmigrantes que viven no noso país. Isto supón un incumprimento do mandato constitucional de que os poderes públicos deben garantir a saúde ao conxunto da poboación. Ademais, esta insolidariedade terá efectos negativos na saúde pública e incrementará os gastos sanitarios de todos os españois. De igual maneira, o máis preocupante é o anuncio do Goberno dunha nova carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde, que quedará dividida en tres niveis: a financiada, a que se realiza con repagamento, é dicir, coa achega do usuario, e a que será exclusivamente de pagamento. Este é un dos principais riscos para o sistema, que queda quebrado na súa esencia de sistema público e universal como o coñecemos ata agora e como o regula a Constitución e a Lei xeral de sanidade. Rexeitamos as medidas do Gobernos de copagamentos e repagamentos porque recaen sobre os máis débiles: os máis enfermos e os maiores. Por primeira vez na nosa democracia, oito millóns de pensionistas participarán no copagamento farmacéutico e incrementarase a achega da maioría dos usuarios. As consecuencias serán inmediatas e os/as pensionistas con menos ingresos e doenzas crónicas deixarán de acudir ás consultas de atención primaria, co que aumentarán os riscos para a súa saúde e se incrementarán os gastos de hospitalización. En Galicia, coa pensión media máis baixa do Estado español, váiselles cobrar un mínimo de 8 euros cada mes (últimos datos do Ministerio, do 1 de febreiro de 2009) a 686.705 persoas con incapacidade permanente, pensión de xubilación e de viuvez. Somos os máis prexudicados. Rexeitamos os orzamentos do aforro en necesidades básicas e os recortes adicionais en sanidade porque nos afectan a todos, e a saúde non pode ser obxecto co que se comercie. As organizacións sindicais maioritarias no Sistema Nacional de Saúde cremos firmemente que existe outra maneira de saír da crise. Por iso propoñemos: Que se incrementen e melloren os servizos públicos sanitarios do Sistema Nacional de Saúde, porque está en xogo a saúde pública. Que se reforme a xestión do sistema, orientándoa a unha óptima eficiencia e efectividade na atención sanitaria, sen que se tomen medidas estritamente económicas que recaian en usuarios e profesionais. Que se protexa e se coide os e as profesionais sanitarios, que son a fonte principal de excelencia do sistema. Que se acade o consenso, mediante o diálogo e a negociación, cos interlocutores sociais que representamos os profesionais, e que non se tomen medidas por real decreto lei que afectan aos dereitos básicos de todos. Que se aposte pola coordinación entre o sector sanitario e sociosanitario, e se invista máis en atención primaria, porque isto xerará un aforro a medio prazo en todo o sistema. |

