
| O paro rexistrado confirma a tendencia xa anunciada pola EPA, o rotundo fracaso da reforma laboral e uns datos para Galicia nefastos, a primeira vez que sube o paro no mes de abril dende o ano 1996 |
| Miércoles, 09 de Mayo de 2012 10:36 |
|
É evidente que o binomio reforma laboral-orzamentos (marcados polos recortes) non está a funcionar, todo o contrario, estase a destruír máis emprego e xerando unha situación límite para moitas familias. A lacra do desemprego precisa solucións moi diferentes das reformas laborais impostas ou dunha política continua de recortes e axustes.
UGT-Galicia tamén fai un chamamento ao Goberno galego a que non siga facendo oídos xordos e tapando os ollos ante unha realidade certamente preocupante para esta autonomía, na que, como xa se sinalaba anteriormente, o desemprego medra por primeira vez nun mes de abril e Galicia desmárcase, así, do que sucedeu no resto do Estado. Xa non sirve escudarse na anterior xestión do Goberno central, porque o PP xa leva tamén meses gobernando a nivel do Estado, e, ademais, Galicia ten competencias en materia de emprego que ten que xestionar axeitadamente se non se quere que esta autonomía se sitúe á cabeza en destrución de emprego. O Sindicato reitera que hai que apostar pola reactivación económica, para xerar emprego e que este sexa de calidade, e que isto non se consegue adoptando recortes continuos e máis lesivos contra os que menos teñen que ver nesta crise. Pero, é evidente que fronte a isto, a prioridade dos gobernos, tanto central como galego, segue a ser o déficit, non o emprego, de feito, o Executivo central ven de recoñecer que este ano perderanse 630.000 postos de traballo máis. E iso, a pesar de que os cidadáns veñen expresando dende a primeira mobilización que se convocou o pasado 19 de febreiro ata o última, este semana o Primeiro de maio, o seu rexeitamento contundente á demolición de dereitos sociais e laborais, como supoñen a reforma laboral e as políticas de recortes e axustes. Nesta mesma liña, destaca a baixada da contratación indefinida entre os máis mozos nun 22%, en relación ao mes anterior. Isto evidencia que a nova modalidade de contratación indefinida, o chamado contrato "para emprendedores" non está a funcionar. Hai que lembrar que este, ademais da bonificación ordinaria, conleva outra a maiores se o contrato o ratifica un menor de 30 anos e, ademais, a posibilidade de rematar a relación laboral sen ningún tipo de indemnización para o traballador nos 12 primeiros meses porque considérase período de proba. A pesar da perversión do modelo para os traballadores e as facilidades que lles ofrece aos empresarios, tampouco está a funcionar. É evidente que o Goberno equivocouse de novo. UGT reclámalle ao Goberno a apertura dun proceso de negociación para cambiar a fondo a reforma laboral, centrar as políticas públicas no crecemento económico e a creación de emprego suficiente e de calidade, na defensa do modelo social, os servizos públicos esenciais e a cohesión social. |

